CRTVG

Buscar

Pontevedra-Cartaxena, xoves ás 20:00, na tvG2

Publicado o 16/12/2020 22:09

A Copa do Rei é o torneo das oportunidades inéditas. Unha competición en que a ilusión dos pequenos se cruza coas esixencias dos grandes. A única en que se pode cruzar o Ribadumia co Cádiz.

Luis Carro, técnico do conxunto pontevedrés, recoñece que "vai ser moi difícil, pero centrámonos en que queremos gozalo. É un feito histórico para todos, para o club, para a localidade, para nós mesmos, que imos estar dentro e tentar competilo ata onde poidamos".

O Ribadumia superou na fase previa ao Miengo cántabro e agora enfróntase ao equipo revelación da Primeira. Todo parece estar na súa contra pero, coma sinala Santi, "nós temos... na nosa mente está sempre que imos pasar e imos pelexalo ata o final".

Ao Compostela tócalle viaxar. Xoga en Eivissa  contra o que é por números o mellor equipo de todos os grupos da segunda B pero os santiagueses amósanse ambiciosos.

"Viaxamos coa idea clara de ir alí e de ser o Compostela recoñecible e de ir polo pase de rolda, se non xa non viaxariamos e non nos meteriamos esa viaxe que nos temos que meter", sinala Yago Iglesias, adestrador compostelanista.

Ao Pontevedra tamén lle gusta a Copa. Visita Pasarón o Cartaxena, un rival de Segunda división pero que leva 6 derrotas nos últimos 8 partidos. Charles apunta a titular xa que a sanción na liga non lle impide xogar no torneo do K.O. Adrián Cruz apunta que os pontevedreses afrontan a copa "con moitas ganas e con moita ilusión para tentar dar a badalada".

Rufo, o dianteiro granate engade: "A Copa do Rei sempre ten ese aliciente, que é moi bonita, gústanos a todos, enfrontarnos a rivais de categoría superior sempre fai ilusión".

Noticias web

16/12/2020