CRTVG

Buscar

Poñer a punto a climatización do coche é fundamental para manter unha boa visibilidade con mal tempo

Publicado o 21/10/2020 15:02

É preciso poñer os coches a punto para afrontar o mal tempo con máis seguridade. Nos talleres din que hai algo que temos pouco en conta: o estado do filtro do aire do habitáculo. É importante revisalo, porque repercute moito no grao de abafamento dos cristais. 

"Cando empeza a chover é como santa Bárbara que nos acordamos cando trona e a xente empeza a vir para poñer a punto sobre todo pneumáticos e mantemento para o inverno", di Carlos Bonino, responsable dunha rede de talleres.

Nesa revisión de temporada poñemos atención sobre todo no estado das rodas ou en botar anticonxelante. Quizais reparamos tamén en se toca cambiar as pezas de caucho dos limpaparabrisas, pero os técnicos din que descoidamos outro elemento importante para asegurarnos unha boa visibilidade.

"A climatización tamén agora en inverno é un punto importante cara á seguridade polo desabafamento do cristal dianteiro. Un consello é revisar o filtro do habitáculo, porque se está en mal estado o paso do aire non vai dar desabafado o parabrisas", advirte Bonino.

Amais desta advertencia, deunos outro consello para eses momentos en que se nublan moito os cristais: 

"Un truco é poñer o aire acondicionado porque como deshumidifica favorece o desabafamento".

Non abusar do aire quente ten ademais outras vantaxes. A DXT recomenda non pasar dos 22 graos para reducir o consumo e, sobre todo, para evitar que nos provoque somnolencia.

Noticias web

21/10/2020