CRTVG

Buscar

Polo menos 22 nenos faleceron no que vai de ano en España por causas violentas

Publicado o 19/11/2019 19:39
Polo menos 22 nenos faleceron no que vai de ano en España por causas violentas

Polo menos 22 menores faleceron por causas violentas no que vai de 2019 en España, segundo datos recollidos pola ONG Save The Children, aos que tivo acceso Europa Press. O último caso é o dun neno de 7 anos asasinado o pasado mes de outubro en El Ejido (Almería).

Do total de menores falecidos por causas violentas no que vai de 2019, cinco acababan de nacer, dous tiñan entre dous e cinco meses, seis tiñan entre 3 e 10 anos, tres tiñan entre 11 e 15 anos, e outros seis, entre 16 e 17 anos. 

A metade deles, un total de once, foron asasinados, presuntamente, a mans do seu pai ou nai, e tamén houbo, polo menos, dous casos de suicidio, ambos, presuntamente, a causa do acoso escolar. Así mesmo, un mozo de 17 anos morreu como consecuencia dunha malleira a mans doutros mozos, e unha moza de 17 anos foi asasinada pola súa parella. 

Todos os casos foron publicados nos medios ao longo do ano e algúns tiveron unha gran repercusión, como o dun menor de 10 anos e a súa nai asasinados nunha cova en Adeje (Tenerife), a mans do pai do neno, o pasado mes de abril; ou o de dous irmáns de 5 e 3 anos asasinados polos seus proxenitores na parcela da súa vivenda en Godella (Valencia) o pasado mes de marzo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí