CRTVG

Buscar

Polémica pola vacinación da delegada de DomusVi e do seu irmán

Publicado o 03/02/2021 20:44
Polémica pola vacinación da delegada de DomusVi e do seu irmán

A conselleira delegada das residencias de maiores DomusVi, Josefina Fernández, CEO para España da multinacional da xeriatría privada, foi vacinada contra a covid-19, do mesmo xeito que o seu irmán, Pedro Fernández, que forma parte da cúpula directiva, e este feito xerou este mércores unha gran polémica en Galicia.

A Xunta confirmou a primicia de ElDiario.es, pero indicou que a residencia DomusVi de Vigo, onde se administraron as doses, incluíu na lista dos traballadores para recibir a vacina a conselleira delegada, que "non figuraba" inicialmente na relación de persoal que manexaba a Xunta. O mesmo, segundo o Goberno galego, ocorrería co seu irmán, que é director da zona Galicia Sur de DomusVi.

A Consellería de Sanidade sinalou que "entendemos que DomusVi interpreta que ambos forman parte do equipo desta residencia", pero, de todos os xeitos, confiaron que a empresa dea as explicacións pertinentes. A versión da compañía, por agora, cínguese ao contacto estreito co persoal e os usuarios.

A multinacional DomusVi confirma que vacinou a súa conselleira delegada e o seu irmán. Segundo a empresa, ambos foron vacinados no mes de xaneiro porque visitan centros con regularidade e están en contacto con residentes e empregados

Na esfera política, o BNG, partido líder da oposición galega, demandou á Xunta de Galicia que ofreza "explicacións inmediatas". Nun comunicado, os nacionalistas esixen unha "depuración de todas as responsabilidades" pola vacinación desta empresaria. Para a viceportavoz do grupo nacionalista, Olalla Rodil, "é simplemente indecente" esta vacinación polo que é imprescindible aclarar "como é posible que esta empresaria do grupo que xestiona o maior número de prazas privadas de residencias de maiores no noso país e o seu irmán acabasen nunha lista de vacinación sen ser colectivo prioritario para vacinarse".

O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, tachou de "insulto á cidadanía e aos falecidos nos seus centros" que a conselleira delegada das empresa de residencias DomusVi, Josefina Fernández, fora vacinada contra a covid-19 a pesar de non formar parte do persoal asistencial da compañía. Así o explicitou esta tarde Arangüena cunha mensaxe nas súas redes sociais en que lle deu eco á noticia.

Noticias web

03/02/2021