CRTVG

Buscar

Polémica polo ruído das galiñas e o descanso dos hóspedes dun hotel rural de Asturias

Publicado o 08/05/2019 13:15

Polémica en Asturias polo peche dun galiñeiro tras a denuncia dun hotel rural próximo porque o ruído dos pitos molestaba os seus clientes. A indignada reacción dun pastor converteu a noticia en viral.

Paraíso natural, ese é o lema turístico de Asturias desde hai varias décadas. O problema é que non todos semellan ter o mesmo concepto do que supón gozar da natureza ou facer turismo rural. O peche do galiñeiro de Cangas de Onís baséase nunha denuncia por ruídos que facían os pitos a horas intempestivas. Un pastor asturiano popular grazas ás redes sociais converteu en virais as súas reflexións sobre o asunto.

"Horas intempestivas que horas son? Porque para min horas intempestivas son as 3 da mañá, cando os clientes das casas rurais están fóra no xardín coa música a todo volume... Ás tres da mañá! E nunca ninguén na miña vila protestou. Pero que un pito cante ás sete da mañá, ou ás seis cando empeza a saír o sol, é o normal", contaba Nel Cañedo, o pastor autor do vídeo.

Milleiros de persoas compartiron o vídeo deste pastor, que ademais de criticar a escasa coherencia dalgúns turistas, acusa o dono do hotel de non investir o suficiente no illamento acústico do mesmo pero, sobre todo, apunta a quen emitiu a sentenza desde o xulgado.

"Que porque haxa un tipo nunha vila que denuncia unhas galiñas porque cantan... iso é que o señor xuíz, ou xuíza... non é completo, ou completa. Fáltavos unha pataquiña ou dúas...", concluía.

Apunten un último dato. Ningún dos comentarios publicados polos clientes do establecemento da polémica nas distintas páxinas de reserva de Internet fan mención ao ruído de ningún galiñeiro próximo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/05/2019