CRTVG

Buscar

Pintan raias de cebra en vacas xaponesas para facer un estudo

Publicado o 15/10/2019 15:00

Parecer parece unha vinganza. Porque se no verán nos deu por borrar raias de cebra para inaugurar pasos de vaca, agora no outono van os científicos e pintan raias de cebra nas vacas. Foi obra de investigadores xaponeses.

"Que se poida extrapolar ás nosas vacas... Iso non o sei, a verdade", dubida a veterinaria Marta Souto.

Pois miremos. Porque estes investigadores non o fixeron en plan broma, senón que partiron dun problema real: o estrés das vacas.

"Antes falábase do estrés da vaca e parecía que era algo simplemente teórico, pero agora está estudado que o estrés de calquera tipo inflúe na vaca e minimiza a súa produción", sinala Souto.

Os nipóns atenderon ao estrés producido polas picadas dos tabáns, que molestan as vacas ata poder facer que dean menos leite ou menos carne. Aquí non sufrimos tanto os tabáns, pero si as moscas.

"As moscas si son un problema grande porque lles producen estrés, agobio, incomodidade e transmítenlles moitas enfermidades", subliña a veterinaria do ADS de Frades.

En Galicia as ADS, as agrupacións de defensa sanitaria gandeira, ocúpanse de previr problemas coma ese das moscas. 

"No canto dos produtos que non matan, que só espantan a mosca, intentamos utilizar larvicidas e produtos que maten a mosca adulta", explica Souto.

E tamén a curiosa solución alternativa dos xaponeses deu o seu resultado. Contaron o número de picadas, e descubriron que as vacas pintadas coma cebras sufrían un cincuenta por cento menos de picaduras de tabáns. Vaia, que as raias disuadían os insectos.

Agora ben, parece inviable que as nosas vacas acaben así.

"Sería unha mágoa, co bonitas que son. Ademais, non sei ata que punto lles suporía outro estrés verse elas mesmas pintadas".

Quen sabe que novos camiños pode abrir unha investigación aínda que teña aparencia de broma.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/10/2019