CRTVG

Buscar

Novas pintadas no centro histórico de Santiago e na alameda

Publicado o 19/03/2019 19:13

Novos ataques contra o patrimonio en Santiago. Desta vez o branco dos vándalos foron unha das fachadas dun edificio da praza de San Fiz de Solovio e a escultura das Marías, na alameda. A policía non desbota que detrás destes actos poida estar o mesmo grupo de persoas.

Os autores desta pintada non só danaron a figura, tamén a inscrición en que se recollen as explicacións de quen eran as Marías e o porqué da escultura. A pintura tamén se empregou no farol que terma do cartel da iniciativa "Colecamiño", que convida os escolares a acudir camiñando ao colexio para reducir o uso do coche privado e realizar unha actividade saudable.

A escultura das Marías acumula problemas case dende da sú colocación e foron moitos os episodios de pintadas e danos na figura.

A carón da praza de abastos as pintadas tamén apareceron con mensaxes reivindicativas nun bar da contorna. Malia que lle deron unha man de pintura branca, aínda se poden ver as letras negras que hai debaixo.

Doutra banda, os técnicos da catedral conseguiron borrar practicamente a mensaxe das escaleiras do Obradoiro. Os expertos lograron, tras probar varias técnicas para evitar danar o granito, limpar case toda a pintura negra. Só queda por rematar o tratamento sobre a pedra para que quede eliminada toda pegada desta agresión.

As dúas pintadas do arco do pazo de Xelmírez non foron aínda estudadas e permanecen á vista. Están a cuberto, e por tanto, non se corre o risco de que a auga poida agravar o dano causado á pedra.

Cabe a posibilidade de que o lixo pegado á pedra e os elementos biolóxicos poidan servir de capa protectora. En calquera caso, un estudo detallado determinará o mellor sistema para retirar as pintadas e reparar o dano causado. A zona dos arcos do pazo non foi obxecto de traballos de restauración desde hai décadas, e tampouco está entre os espazos incluídos no programa de restauración actual.

Os investigadores cren que detrás destes actos vandálicos pode estar o mesmo grupo de persoas.

Noticias web

19/03/2019