CRTVG

Buscar

O hospital de Piñor acolle os primeiros anciáns con coronavirus

Publicado o 14/04/2020 09:32

Esta semana arrancou coa posta en marcha dunha nova residencia integrada na provincia de Ourense, situada no Hospital de Piñor, onde traballa xa un amplo equipo de persoal voluntario dos tres hospitais ourensáns e de PAC de toda a provincia.

"Sería o equivalente á residencia de Baños de Molgas, pero cun pouco máis de capacidade porque está desenvolta a hospitalización", explica Álvaro de Costa, médico de familia que traballa xa neste centro.

Os primeiros dez pacientes que foron trasladados a Piñor son anciáns diagnosticados de coronavirus e procedentes da residencia Nosa Señora de Fátima, do Barco de Valdeorras, intervida pola Xunta. Neste caso, hai unha maior dependencia que a dos ingresados na residencia "integrada" dos Milagres de Baños de Molgas, e algúns presentan concomitancias coa gripe A.

"Hai veces en que se produce un empeoramento implosivo por un proceso inflamatorio intersticial pulmonar que aboca a un fracaso, a un distrés respiratorio severo", afonda De Costa.

Persoal de cociña, de limpeza, celadores, persoal médico e de enfermería envían unha mensaxe ás familias dos ingresados. "Que saiban que estamos pendentes en todo momento, achegándolles todos os coidados e tratando de substituír a parte que lles falta da súa familia", di a coordinadora de Enfermería, Ana Gómez.

As avaliacións continúan para completar as 64 prazas deste centro. Dos 372 falecidos en Galicia, 158 están vinculados ás residencias. Oitenta e dous anciáns morreron nas propias instalacións dos xeriátricos e 76 en hospitais ou nas residencias "integradas". En canto ao número de infectados, 923 son maiores e 416 profesionais. 

Noticias web

14/04/2020