CRTVG

Buscar

Pilar Llop, unha xuíza conciliadora e feminista para presidir o Senado

Publicado o 03/12/2019 12:27
Pilar Llop, unha xuíza conciliadora e feminista para presidir o Senado

De talante conciliador e comprometida coa loita contra a violencia de xénero e o feminismo desde o seu ingreso na carreira xudicial, a xuíza Pilar Llop dá este martes un novo salto na súa carreira política ao ser elixida presidenta do Senado.

A senadora Pilar Llop Cuenca (Madrid, 1973) convértese na segunda muller que preside a Cámara Alta nos seus case douscentos anos de historia, despois do mandato de Esperanza Aguirre (1999-2002).

Pilar Llop sucede a Manuel Cruz na presidencia do Senado, mentres outra muller,  Meritxell Batet, estará á fronte do Congreso dos Deputados.

Batet e Llop serán, por tanto, a terceira e a cuarta autoridade do país, segunda ocasión na etapa democrática en que dúas mulleres coinciden presidindo ambas as cámaras, tras Luisa Fernanda Rudi (2000-2004) e Esperanza Aguirre.

Llop asume o reto de presidir sen maioría socialista un Senado no que podería darse de novo a posibilidade de ter que aplicar o artigo 155 da Constitución.

Impecable nas súas formas, de talante conciliador e firme defensora da educación como vacina da violencia de xénero, insistía nunha entrevista con Efe en que os malos tratos machistas cócense "a lume lento, non chegan de súpeto", senón que empezan a manifestarse con micromachismos.

Xuíza desde hai 20 anos, a súa carreira política comezou en 2015 como deputada rexional socialista da Asemblea de Madrid, desde onde foi elixida polo Goberno de Pedro Sánchez en xullo de 2018 para exercer de delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, o seu primeiro gran salto político, onde acometeu o impulso de parte das medidas do pacto de Estado.

En abril deste ano deixou ese posto ao decidir concorrer de número dous na lista de Ángel Gabilondo para a Comunidade de Madrid.

Llop, que non ten carné do PSOE, asumirá a presidencia do Senado apenas cinco meses despois de chegar como senadora á Cámara Alta: converteuse, o pasado xullo, nunha dos 57 senadores designados polos parlamentos autonómicos ao contar co respaldo da Asemblea madrileña.

A súa traxectoria, eminentemente xurídica, estivo vinculada á loita contra a violencia machista e a defensa dos dereitos das mulleres.

O PSOE, a través do seu portavoz no Senado, Ander Gil, fixo fincapé na pertinencia de que Llop sexa experta nesta materia cando a sociedade esixe unha "batalla dura e furibunda" contra o machismo. Ao seu xuízo, a futura presidenta poderá servir "en primeira liña" á defensa dos dereitos das mulleres.

Feminista, cunha postura abolicionista fronte á prostitución, Llop licenciouse en Dereito na Universidade Complutense de Madrid e aprobou as oposicións para xuíza en 1999, con 26 anos. Desde 2004 é maxistrada.

Foi letrada do Gabinete técnico do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), onde asumiu a xefatura da Sección do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, e foi secretaria da Comisión de Igualdade, do Foro Xustiza e Discapacidade e do Comité de Dirección.

Desde 2009 a 2015, ano en que se involucrou na política, estivo nun xulgado especializado en violencia sobre a muller.

Ademais, compatibilizou a súa función xudicial coa de consultora internacional e traballou en diversos países da Unión Europea e de América Latina en temas relacionados con reformas dos sistemas xudiciais, en materia penal e en violencia de xénero.

A secretaria de Estado de Igualdade en funcións, Soledad Murillo, subliñou que esta elección é "unha sorte para o Senado" e destacou o seu "meticuloso traballo" e a súa "extraordinaria calidez" na época na que dirixiu a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, un cargo que exerceu "sen barreiras nin rangos".

A xuíza e deputada de Unidas Podemos Vitoria Rosell considera a designación unha boa noticia e un orgullo: "Pilar é unha gran compañeira; intelixente, culta, comprometida cos dereitos humanos, loitadora, feminista de verdade", escribiu en Twitter.

"Intelixente, formada, traballadora, sensata", así describiu a Llop tamén na rede social a fiscal do Tribunal Constitucional e presidenta da Unión Progresista de Fiscais, Teresa Peramato, para quen este nomeamento é "sen ningunha dúbida unha gran elección".