CRTVG

Buscar

Piden "Xustiza para Kike" nunha concentración ante a Audiencia da Coruña

Publicado o 26/05/2020 14:40

Xustiza para Kike. É o que piden a familia e amigos do mozo falecido durante unha liorta nun hotel de Oleiros a pasada Noitevella. Este mediodía concentráronse ante a Audiencia Provincial da Coruña. Protestan contra a posta en liberdade, á espera de xuízo, do acusado.

Iria Casais, Muller da vítima, di que  imploran á Audiencia para que o agresor que matou o seu marido estea no cárcere ata o xuízo.

"A investigación e a autopsia están en Madrid, explica, pero mentras tanto imos loitar".

Xa presentaron un recurso contra a posta en liberdade do presunto homicida. Sosteñen que a vítima foi asasinada dun brutal golpe na cara.

"Vivín en primeira persoa o asasinato do meu irmán, porque para min foi un asasinato", di Jessica Güeto, irmá do falecido.

Enrique Güeto Cabarcos, de 31 anos e veciño de Meicende, morreu durante unha liorta, cando celebraba a Noitevella coa súa familia, nun hotel de Bastiagueiro. O imputado pola súa morte, un varón de 27 anos, atopábase no mesmo local cun grupo de amigos. A súa defensa alegou que nunca tivo intención de matar. O Xulgado de Instrución número 2 da Coruña deixouno en liberdade, á espera de xuízo. A familia da vítima xa convocou outra concentración para o vindeiro día 1, e puxo en marcha unha campaña nas redes sociais para reclamar xustiza.

Noticias web

26/05/2020