CRTVG

Buscar

Piden que se reconstrúa o acueduto de Caldelas de Tui, de máis de dous séculos

Publicado o 27/08/2020 13:43

Máis de dous séculos de historia ten o vello acueduto de Caldelas de Tui que os veciños piden que se reconstrúa.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil decidiu construír unha escada de peixes para recuperar especies autóctonas, polo que eliminaron dous piares e varias canles. O acueduto tiña o mesmo método construtivo ca o de Segovia.

O acueduto de Caldelas de Tui recollía a auga do Caselas desde Salvaterra cunha levada e coas súas canles. Estaba próximo a varios muíños, algún sepultado pola estrada no ano 1975 e fornecía de rega as veigas ata entrado o ano 2000.

Non se sabe por que nunca foi catalogado, pero os veciños estímano ben. Estaba feito ao xeito romano sen argamasa e con elaborados sillares e canles.

Ata hai vinte anos aínda se usaba para regar as veigas da zona, unha práctica que estes veciños abandonaron polo xabaril pero que poderían retomar en calquera momento.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil quitou os piares para facer unha escada para os peixes, pero os veciños lembran que os peixes sempre andaron no río sen axuda ningunha.

A vella construción etnográfica quedou esquecida entre as árbores da parroquia de Caldelas de Tui e sorprendentemente non conta con ningún tipo de protección patrimonial tal e como nos confirman desde o Concello de Tui, algo que os veciños non entenden.

Malia todo, o Concello conseguiu parar a obra e recuperar as pedras que xa estaban nun almacén de Ponteareas.

Os veciños queren que se repoña, aínda que non quedará como estaba. Din que é polo seu valor histórico e sentimental e porque ademais igual é preciso nos tempos de seca.

Noticias web

27/08/2020

Máis sobre Tui