CRTVG

Buscar

Piden que se autorice a venda ambulante de polbo

Publicado o 22/04/2020 21:00

As polbeiras queren volver cos postos ás rúas. Ao suspenderen as feiras e romarías, o seu negocio quedou paralizado co estado de alarma, a pesar de venderen un produto alimentario. Aseguran que se poden manter as medidas hixiénicas e de seguridade coma en peixerías ou panaderías.

Hai un mes e medio que non vemos imaxes coma estas, que a moitos lles farán a boca auga. O polbo agarda nas cámaras frigoríficas, e as polbeiras, man sobre man, cando lles tocaba temporada alta.

"Desde agora, que tocaría empezar a temporada boa, ata finais de setembro-outubro, que son as últimas romarías, co San Froilán, é cando vendemos o 90 % do produto", sinala un polbeiro.

As polbeiras solicitaron na Subdelegación do Goberno que lles autorice a instalación dos postos na rúa, respectando as mesmas condicións de seguridade que outros negocios de alimentación.

María Isaura González, Presidenta da asociación de polbeiros do Carballiño: "Dispoñemos de recipientes, co cal non temos que collerllos ao cliente, e é unha venda factible coas normas de seguiradade, sería un dez ou un cinco por cento que poderiamos facer".

Mentres, buscan alternativas. Este restaurante, cos fogóns parados entre semana, reparte a domicilio as fins de semana.

César Álvarez, Pulpería Fuchela: "Tratar de facer algo, porque non podemos estar sen facer nada, non sabemos canto vai durar isto, e gastos sempre temos".

A domicilio distribúese tamén este polbo cocido e listo para consumir.

Daniel González Atanes, xerente de A Pulpeira do Carballiño: "Nesta semana, que é cando empezamos, pois xa fixemos varios pedidos que son pequenos pero fainos ata ilusión podelos mandar para que a xente o consuma na casa".

Solucións que non representan nin o dez por cento do negocio, din, pero que axudan a capear o temporal.

Noticias web

22/04/2020