CRTVG

Buscar

Piden protección para a fraga de sequoias de Poio, a máis grande de Europa

Publicado o 27/02/2019 19:22

Era decembro do 1992. Un grupo de rapaces estadounidenses e veciños de Poio traballaban á chuvia para plantar esta fraga de sequoias. Celebraban así os 500 anos do descubrimento de América.

José Rodríguez Couselo, presidente da Comunidade de Montes de Poio: "Era un día de auga e aire que facía medo. Pobriños, todos mollados. como estaban os buracos feitos estiveron todos xuntos plantando e logo remataron os axentes forestais porque os rapaciños xa non podían con tanta auga que caía".

As sequoias poden vivir ata 3.000 anos e acadar os 100 metros de altura. Pero nos seus inicios son fráxiles e precisaron do coidado de todos.

José Rodríguez Couselo, presidente da Comunidade de Montes de Poio: "As guías rompían coma se fosen cristal. Eu cheguei a vir tres veces aquí, tres veces ao día, para botar os cabalos fóra".

Con ese agarimo diario foi medrando a fraga de sequoias máis grande de Europa. 500 árbores en dúas hectáreas. Xa era un espazo fermoso cando, no 2006, os veciños subiron ao monte para defendelo dunha terrible vaga de incendios.

José Rodríguez Couselo, presidente da Comunidade de Montes de Poio: "Estabamos todos rodeados de lume. A xente dende alá a aí, todos preparados para que o lume non viñera para arriba. Había esa pista e aí procuramos que o lume non viñese para arriba".

En Poio conservan a resolución do Congreso dos Estados Unidos autorizando o envío das árbores como presente. Tamén a foto da recepción que o rei Xoán Carlos fixo aos veciños e aos rapaces norteamericanos.

A pesar de ser tan nova, a fraga é xa parte importante da historia da vila. Agora os veciños queren que se converta, ademais, nun espazo protexido. A solicitude á Xunta está feita e todos agardan impacientes a que chegue a resolución.

Noticias web

27/02/2019