CRTVG

Buscar

Piden prisión permanente revisable para o presunto asasino de Naiara

Publicado o 15/09/2020 14:41

Prisión permanente revisable. É a condena que piden Fiscalía e acusacións particulares para Iván Pardo, tío político e principal acusado pola morte de Naiara Valentina, unha cativa de oito anos torturada ata morrer.

Os feitos sucederon en xullo de 2017 en Sabiñánigo, Huesca, na casa que a cativa compartía co seu padrastro, o seu agresor e a nai de ambos. O día da morte da nena, o acusado estivo cinco horas someténdoa a todo tipo de violencia física e verbal. Inmobilizala cunha corda, aplicarlle descargas eléctricas, golpes e patadas na cabeza, taparlle a boca cun calcetín ou tirala contra o chan foron só algúns dos actos cometidos contra Naiara. Ademais, a cativa estivo dúas horas inconsciente sen que o seu tío chamase os servizos médicos. No hospital infantil de Zaragoza non puideron facer nada por salvarlle a vida.

No xuízo dirímese tamén a responsabilidade do padrastro e a nai deste no crime. As acusacións consideran que estaban ao tanto das agresións que a rapaza sufría con frecuencia e que mesmo colaboraron nas que levaron á súa morte. A defensa di que o carácter rebelde da menor levou a Iván a unha ira incontrolable agravada por un mal momento persoal. O xuízo vaise prolongar ata o vindeiro mércores.

Noticias web

15/09/2020