CRTVG

Buscar

Piden oito anos de cadea para un home acusado de abusar sexualmente dunha moza en Carballo

Publicado o 22/09/2020 14:19

O acusado declara que non é autor do delito polo que é investigado. A Fiscalía acúsao de abusar sexualmente dunha moza á que coñeceu horas antes nun pub de Carballo. Porén segundo declarou, ambos os dous estiveron xuntos no local ata que pechou e despois, canda o resto da cuadrilla, decidiron ir para o seu piso. Alí seguiron bebendo, falando, bailando e mesmo flirteando, dixo. Explicou que despois se tumbaran no sofá e que, tras tocarse e bicarse, mantiveran unha relación sexual consentida e que despois quedaran durmidos. 

Porén a vítima, que declarou detrás dun biombo, contou que, xa no piso, o procesado pediulle que o acompañara ao cuarto e ao chegar alí, díxolle que non quería ter nada con el, que estaba moi bébeda e que só quería descansar un pouco antes de ir traballar. Explicou que volveron para o salón e que ela se deitou no sofá e quedou durmida. Espertou, segundo manifestou, cando notou que o procesado estaba a abusar dela sexualmente. Apartouno co brazo, dixo, colleu as súas pertenzas e marchou.

No xuízo declararon tamén os amigos do acusado que saíran con el de troula. Todos coincidiron en que estaban afectados polo alcol e mesmo que fumaran marihuana. Un deles explicou que quedara durmido no salón, noutro sofá, e que cando espertou, viu tumbados o acusado e maila vítima tapados cunha manta e mantendo relacións sexuais. Explicou que daquela mesmo deu a volta e volveu durmir. 

As psicólogas que atenderon a moza aseguraron que en ningún momento dubidaron da veracidade do seu relato.

A Fiscalía pedía para o procesado unha pena de dez anos de cadea que finalmente rebaixou a oito ao aplicarlle a atenuante de afectación de alcol. Tamén unha indemnización de dez mil euros por danos morais. 

A acusación particular solicita dez anos de cadea e unha indemnización de 13.000 euros. E a defensa pide a libre absolución.

O xuízo xa quedou visto para sentenza.

Noticias web

22/09/2020