CRTVG

Buscar

Piden máis investimento na loita contra o narcotráfico

Publicado o 26/06/2019 15:50

O Concello de Ribadumia e a Federacion Galega contra o Narcotráfico pediron hoxe aos novos gobernos medidas concretas para loitar contra as drogas. No acto da campaña Panos Brancos 2019 lembraron que o consumo de drogas segue sendo un problema grave en Galicia.

Escolares do Barbarza soltaron ducias de globos brancos no Día Internacional contra a Droga, que a Federación Galega de loita contra o Narcotráfico celebrou este ano no concello de Ribadumia. O presidente da federación lembrou que as drogas seguen matando mozos e desgraciando familias e pediu medidas contra os narcos.

"Que os narcotrafiantes devolvan os seus bens e que as leis sexan menos garantistas con eles. O problema segue aí, latente e patente, nos nosos fillos, nos nosos netos. Non é un problema de fóra, está aquí, en Galicia, en España, en Arousa. Consómese moito, de día e de noite", di Manuel Couceiro, presidente da Federación Galega contra o Narcotráfico

A federación e o alcalde de Ribadumia pedironlles aos gobernos máis esforzos para acabar co tráfico de estupefacientes.

"Tanto as administracións locais como as autonomicas e a central temos que mellorar día a día a nosa colaboración con estas asociacións que están a facer un traballo enorme", engade David Castro Mougán, alcalde de Ribadumia.

Segundo a federación, o investimento na loita contra o narcotrafico suporía un aforro maior que o gasto en seguridade e sanidade.

Noticias web

26/06/2019