CRTVG

Buscar

Piden catro anos para un funcionario por pedir 'mordidas' por tramitar permisos de residencia

Publicado o 24/06/2019 16:26

Catro anos de cadea e oito de inhabilitación por cobraren, presuntamente, mordidas por tramitar permisos de residencia. É a pena que solicita a Fisaclía para un funcionario da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, nun xuízo que comezaba esta mañá na Audiencia Provincial.

Os feitos remóntanse a 2016, cando, supostamente, o acusado, funcionario da Oficina de Estranxería da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, solicitaría cobros por tramitar expedientes de residencia. Presuntamente, recibiría 150 euros dunha muller e cincuenta euros doutra.

A Fiscalía acúsao dun delito continuado de suborno e solicita catro anos de cárcere e oito de inhabilitación. Retirou do seu escrito a acusación por un delito de falsidade en documento oficial por presuntamente manipular a data de entrada dun dos expedientes.

As testemuñas do Ministerio Fiscal declararon esta mañá que o acusado lles solicitara cartos para axilizar a tramitación dos permisos de residencia que pedían. O acusado declarouse "totalmente inocente", e a defensa pediu para el a libre absolución.

Ao tratarse de supostos delitos cometidos por un funcionario público, xúlgase cun xurado popular constituído por once membros, que comezarán as deliberacións mañá.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019