CRTVG

Buscar

Piden 25 anos de cárcere para un home que degolou a súa muller na Coruña

Publicado o 13/10/2020 22:09

Os feitos que comezaron a xulgarse na Audiencia da Coruña aconteceron o 18 de xullo de 2018 na céntrica rúa da Estrela. Segundo a Fiscalía, aquela tarde o acusado cortou cun coitelo o pescozo da súa muller que estaba medicada e deitada na cama, sen posibilidade de reacción. A muller, que padecía unha forte depresión, intentara suicidarse unha semana antes. Malia que daquela se recomendara o seu ingreso, o procesado, segundo o ministerio fiscal, insistiu en que quedase na casa baixo a súa estreita vixilancia. Pola contra, decidiu acabar coa súa vida, segundo a Fiscalía, para liberarse das atencións que lle tiña que prestar. O Ministerio Público acúsao de asasinato con aleivosía coa agravante de parentesco e pide 25 anos de cárcere. A defensa entende que o seu cliente axudou unha persoa que quería morrer e solicita dez anos de cadea

"A defensa é que se castigue este home polo que fixo e non polo que din que fixo. Non é o mesmo falar dun asasinato que dun suposto de asistencia a unha persoa que quere morrer, que é a liña de defensa que imos seguir todo o xuízo", di o avogado defensor.

A acusación particular, que representa os tres fillos da vítima, pide para o home prisión permanente revisable. Un xurado popular será quen determine o veredicto.

Noticias web

13/10/2020