CRTVG

Buscar

Piden 24 anos de prisión para o acusado de matar a viúva do ex-presidente da CAM, xenro da vítima

Publicado o 14/10/2019 15:37

Arrinca en Alacante o xuízo polo asasinato de María del Carmen Martínez, a viúva do ex-presidente da CAM, antiga Caixa de Aforros do Mediterráneo. Un crime con posible móbil ecónomico e un único sospeitoso, un xenro da vítima.

Chegaba á primeira hora aos xulgados rodeado dunha grande expectación mediática. A fiscalía pide 24 anos de cadea por asasinato e tenza ilícita de armas. A defensa reclama a absolución por falta de probas. Un xurado popular encargarase de emitir o veredicto. Esta mesma tarde visitarán a escena do crime. O xuízo quedará visto para sentenza o 7 de novembro.

O asasinato ocorreu en decembro de 2016, no lavadoiro dun concesionario da familia. María del Carmen Martínez, viúva do ex-presidente de CAM, recibiu dous disparos no interior do seu coche. Dous meses despois, detiñan a Miguel López, xenro da vítima e administrador do concesionario. A Policía cre que detrás do crime está a pugna polo control do patrimonio familiar. A defensa e as tres fillas da vítima aseguran que López non se atopaba no local no momento do crime e piden que se arquive a causa.

Pero a fiscalía e o fillo maior e herdeiro do negocio acúsano de regresar ao local para asasinar a súa sogra. Na súa roupa non se atoparon restos de pólvora, nin do seu ADN no lugar do delito, pero sospeitan que puidese manipular a arma.

O presunto asasino quedou en liberdade provisional despois de pagar unha fianza de 150.000 euros.
Agora un xurado popular terá que dirimir se é culpable ou inocente nun caso sen probas directas e moitas incógnitas por resolver.








 

Noticias web

14/10/2019