Piden 18 anos de prisión para un veciño de Monforte por abusos continuados a unha menor
Un veciño de Monforte, de 36 anos, presuntamente abusou de forma continuada dunha familiar menor de idade.
Segundo o escrito de acusación, entre os anos 2012 e 2018 aproveitouse da súa relación de parentesco para realizarlle tocamentos e mesmo penetrar a vítima.
Os abusos sucedéronse en polo menos sete ocasións, tanto na oficina dunha nave como no seu propio domicilio, ata que resultou detido.
Polo delito continuado de agresión sexual a unha menor de 16 anos, e coa agravante dunha relación de superioridade, o fiscal da Audiencia Provincial de Lugo solicita para o imputado o cumprimento de 18 anos e 9 meses de cadea, a imposición dunha orde de afastamento de 300 metros durante 25 anos e mais o pagamento á vítima dunha indemnización de 100.000 euros por danos morais.
Pola súa parte, o acusado recoñeceu os feitos e sinalou a súa intención de indemnizar a vítima.