CRTVG

Buscar

Piden 16 anos de cadea para os acusados do asalto a unha gasolineira de Ribeira

Publicado o 08/07/2020 14:16

O fiscal rebaixou a 16 anos a solicitude de cadea para cada un dos dous acusados do atraco con violencia a unha gasolineira de Ribeira. As defensas insistiron en que non hai probas que os incriminen e pediron a absolución. O xuízo rematou este mediodía e quedou visto para sentenza.

Pablo Fojo e Domingo García están acusados de asaltar cunha escopeta unha gasolineira de Ribeira en xaneiro do ano pasado e de disparar nunha perna ao empregado que os atendía, que entón tina 22 anos e que tivo que someterse a catro intervencións cirúrxicas.

Malia que inicialmente o fiscal pedía 21 anos para Pablo Fojo e 19 anos para Domingo García, hoxe, no remate do xuízo, rebaixou a solicitude 16 anos para cada un, tras retirar o delito de tenza ilítica de armas do que acusaba a Fojo e despois de que os médicos que atenderon o empregado ferido indicaran que non padece coxeira, como sinalaba o fiscal nas conclusións provisionais.

O traballador si padece outras secuelas, xa que non pode flexionar a perna na que sufriu o disparo, correr e facer deporte ou manterse moito tempo de pé.

O fiscal considerou probado que todos os indicios analizados no xuízo demostran que os acusados son os autores do asalto. Entre outras cousas, expertos en balística declararon que na bolsa e nos guantes atopados na casa dun deles había restos de pólvora de perdigóns compatibles coa escopeta que se usou no asalto.

Os avogados defensores sostiveron, pola contra, que moitas probas carecen de rigor científico e que nada inculpan aos seus defendidos, para os que pediron a absolución ou, en todo caso, atenuantes tras quedar demostrado que eran consumidores habituais de cocaína, haxix e alcol, e que o seu comportamento podía estar condicionado por esa adicción.

O xuízo, que empezou o luns, quedou visto para sentenza.


 

Noticias web

08/07/2020