CRTVG

Buscar

Persoal dun colexio de Oleiros presenta máis de 20 denuncias por rodas picadas nos coches

Publicado o 04/04/2019 13:44

Neste aparcadoiro, situado ás portas do pavillón deportivo municipal que, á súa vez, utilizan como ximnasio os alumnos do CEIP Parga Pondal de Santa Cruz, é onde supoñen que se produciron a maior parte das picadas, pois é onde deixaban o coche a maioría dos afectados. Tamén nestoutro aparcadoiro, situado ás portas do centro, e onde adoita estacionar o persoal de cociña.

Loli Silva, directora do centro: "A unha profesora do centro marcáballe nivel baixo de presión nas rodas. Non o acusa a nada, pero cando lles vai poñer aire, dinlle que ten un cravo. Á semana seguinte, unha compañeira chama para dicir que chega tarde porque ten unha roda picada, e tamén tiña un cravo".

Os primeiros casos ocorreron a finais de 2016. Desde entón, levan rexistradas trinta picadas provocadas por cravos e puntas supostamente colocados no debuxo dos pneumáticos. Hai vítimas reiteradas, como a xefa de estudos, que está de baixa con ansiedade porque xa sufriu varias picadas, unha especialmente grave porque lle provocou un accidente.

Loli Silva: "Bateu contra a esquina dunha casa. Non lle pasou nada, grazas a Deus. Ía soa nese momento, pero ten dúas criaturas pequenas".

As picadas só cesaron durante os meses en que a Policía Local estivo vixiando a zona.

Loli Silva: "O que nós propoñemos é que adopten algunha medida disuasoria como a instalación dalgunha cámara, carteis indicativos de que o aparcadoiro está vixiado... O que nos dixo a policía é que ían pasar en días alternativos e uniformados para que sexan vistos pola zona".

Din que xa teñen constancia de casos semellantes noutras dúas rúas do concello.

Noticias web

04/04/2019