CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez recibe o venres a Alberto Núñez Feijóo na Moncloa

Publicado o 26/01/2021 23:02

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recibe este venres no Palacio da Moncloa o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez-Feijóo, no marco da rolda de contactos cos xefes de Executivo autonómicos iniciada onte co vasco Íñigo Urkullu.

A portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, informou este martes na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros deste novo encontro no que Sánchez prevé analizar "as cuestións que sexan importantes para o futuro de Galicia".

A última reunión entre o presidente do Goberno e o da Xunta produciuse en xullo de 2018, no marco dos encontros de Sánchez cos presidentes autonómicos á súa chegada á Presidencia do Goberno tras a moción de censura a Mariano Rajoy.

Naquela ocasión, o presidente galego pediu ao xefe do Executivo que a repartición autonómica do diñeiro non sirva como "moeda de cambio" para "acalar" problemas identitarios e reprochoulle que negociase de forma bilateral con Cataluña.

A reunión do venres prodúcese a mesma semana en que tamén o lehendakari, Iñigo Urkullu, visitase onte A Moncloa, un encontro que tiña pendente desde que a súa vitoria electoral en xullo deste ano, cando tamén Feijóo foi reelixido en Galicia.