CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez négase a falar co presidente da Generalitat e Torra respóndelle que "non lle dea leccións"

Publicado o 20/10/2019 13:22

Quim Torra chamaba este sábado á Moncloa... pero Pedro Sánchez negábase a atendelo mentres non cumpra varios requisitos.

Antes de falar con el, o presidente do Goberno en funcións quere que Torra condene de xeito rotundo a violencia, que recoñeza o traballo das forzas e corpos de seguridade e que se solidarice cos policías e mossos feridos...

Desde A Moncloa din que o problema en Cataluña non é a independencia senón "a convivencia" e que para que o diálogo sexa efectivo Quim Torra deberá, ademais, recoñecer a outra parte dos cataláns que non son independentistas.

E Quim Torra respondíalle na tarde do sábado a Pedro Sánchez cunha carta que enviaba á Moncloa e que facía pública a través de Twitter. Nela dille a Sánchez que non acepta leccións de condena e loita contra a violencia. Repróchalle que non contestase a súa chamada telefónica e que A Moncloa informara dela aos xornalistas a través de Whatsapp. Afeoulle ademais que se "negue a falar con representantes dos cataláns".

Xa nunha comparecencia na Generalitat, Quim Torra volvera esixir "diálogo" para unha "saída política e democrática".

"Instamos unha vez máis o presidente do Goberno español en funcións a fixar un día e unha hora para sentarse nunha mesa de negociacións sen condicións a falar e a dialogar para acordar. É a súa responsabilidade e a súa obriga", dixo.

"A defensa dos dereitos tense que expresar coma sempre pacificamente... a violencia non é nin será a nosa bandeira". Aseguraba que "chegaremos tan lonxe como o pobo de Cataluña queira chegar".

Desde o Goberno en funcións din que "sempre apostaron polo diálogo", pero primeiro está, din, o cumprimento da lei.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/10/2019