CRTVG

Buscar

Sánchez fai balance do estado de alarma e pídelle unidade á oposición para "reconstruír"

Publicado o 20/06/2020 21:27

A poucas horas de que remate o estado de alarma no conxunto do país, o presidente do Goberno fixo balance destes máis de tres meses de crise sanitaria. Nunha declaración institucional desde A Moncloa agradecía o labor do persoal sanitario e do conxunto da sociedade polo seu "comportamento exemplar". Sánchez asegurou que "comeza unha nova etapa" e pedía unidade aos partidos políticos para a reconstrución económica e social do país.

Nunha comparecencia sen preguntas, o presidente do Goberno facía balance dos meses de crise sanitaria..."Fomos golpeados con extrema dureza, pero resistimos, dobregamos a curva e fixémolo unidos"

Asegurou que o estado de alarma permitiu salvar 450.000 vidas en España, e que "tras semanas tenebrosas -dixo- agora comeza unha nova etapa".
"reconquistamos a mobilidade, a nosa economía comeza a latexar, as nosas fronteiras comezarán a reabrirse a partir de mañá, estamos en condicións de avanzar, temos o deber de avanzar"

Pedro Sánchez facía un amplo agradecemento a sanitarios, a diferentes sectores da sociedade e aos cidadáns en xeral "polo seu comportamento exemplar". Pedía non baixar a garda porque -advertiu- "seguimos sendo vulnerables".
"O virus pode volver, pode sacurdirnos nunha segunda vaga e temos que evitalo a toda custa"

O presidente do Goberno pedía unidade á oposición para a reconstrución social e económica do país.
 "Non podemos aceptar como algo natural que a política se converta nun xerador de confrontación, de odio"

Na reconstrución, Sánchez tamén considera fundamental unha maior implicación da UE, marcando diferenzas coa crise do 2008.
"Esta vez Europa ten que salvar a Europa pero non como se fixo antes... e no plano do noso país España debe entenderse con España".

Noticias web

20/06/2020