CRTVG

Buscar

Feijóo solicítalle ao presidente máis marxe para aplicar medidas e di que Sánchez foi receptivo coas súas propostas

Publicado o 29/01/2021 12:35

• O presidente da Xunta pide claridade nos criterios de repartición das vacinas

Rematou o encontro entre o presidente da Xunta e o presidente o Goberno. Foi un encontro para falar da xestión da pandemia, no que Alberto Núñez Feijóo lle trasladou a Pedro Sánchez dúas ideas importantes. Por un lado, ter máis autonomía para aplicar restricións novas se son necesarias e polo outro contar con máis vacinas porque Galicia ten capacidade para poñelas.

Na xuntanza de máis de dúas horas co presidente do Goberno, Feijóo solicitoulle a Sánchez claridade nos criterios de repartición nas doses das vacinas. Pide que se adapte esa repartición á poboación á que corresponde vacinar en cada momento, por exemplo, se en Galicia está o 8,2% da poboación maior de 80 anos, que o 8,2% das vacinas sexan para vacinar a esas persoas en Galicia.

Foi un encontro moi marcado pola xestión da pandemia e o presidente galego pide máis marxe para poder aplicar medidas nas zonas máis afectadas, por exemplo regular o horario do toque de recollida, ou poder practicar confinamentos domiciliarios nos territorios máis afectados pola pandemia.

Núñez Feijóo pide coordinación e pide tamén poder convocar todas as prazas que están vacantes na sanidade, que no caso de Galicia serían 3.500 prazas.

"O toque de queda pode modular as interaccións sociais nas comunidades autónomas e máis concretamente nos concellos que o precisen. Incluso o confinamento domiciliario en municipios concretos con incidencias do virus moi elevadas, debería ser un instrumento a disposición das autoridades delegadas, é dicir, dos presidentes autonómicos", afirmaba o presidente galego que tamén cre necesario "ir concretando un calendario de vacinacións para toda España para que os cidadáns saiban cando lles pode toca,  cales son os criterios e para que fagan unha composición de lugar de en que mes e por que orde se van realizar estas vacinas".

"Propúxenlle valorar e reconsiderar a taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego cando menos no ámbito sanitario. Debemos sacar todas as prazas que estean vacantes no ámbito sanitario" afirma Feijóo, que tamén lle solicitou a Sánchez "que o diñeiro que se está repartindo aos distintos fondos se reparta cun criterio coñecido. Non pode ser que en cada ministerio o criterio cambie e que en cada conferencia sectorial o criterio sexa distinto. Vimos que nos 10.000 millóns de euros en fondos REACT, Galicia foi a comunidade autónoma, xunto con Castela e León, de menor reparto por habitante de España"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, se comprometeu con el a estudar a serie de medidas adicionais que lle expuxo para loitar contra a pandemia de coronavirus, como permitir flexibilizar o horario do toque de queda.

Sánchez e Feijóo mantiveron unha reunión de dúas horas no Palacio da Moncloa en que a situación da loita contra o coronavirus foi un dos principais asuntos que abordaron.

Nunha comparecencia na sede da Presidencia do Goberno, o presidente da Xunta enumerou a serie de propostas que trasladou a Sánchez para loitar con máis eficacia contra a covid-19.

Entre elas, que as comunidades teñan a posibilidade legal de fixar os horarios do toque de queda (distintos aos actuais), chegar a obrigar nalgúns ámbitos ao uso de máscaras FFP2, un calendario concreto de vacinación e que as doses se repartan en función da porcentaxe de poboación de cada un dos colectivos que vaian tendo dereito a elas.

Tamén lle expuxo unha maior reposición das ofertas de emprego público no ámbito sanitario.
Ante todo iso, Feijóo manifestou que Sánchez aseguroulle que vía sensatas as súas propostas e que se van a estudar e valorar no ámbito do Consello Interterritorial de Saúde. 

A resposta de Sánchez

Sánchez agradeceu o traballo conxunto e coordinado coas comunidades autónomas na xestión da pandemia, no marco dun "imprescindible diálogo territorial, clave para superar as consecuencias da pandemia".

Tamén no encontro se tratou o tema do AVE galego e o presidente do Goberno comprometeuse a cumprir os prazos previstos para a finalización das obras do AVE, xunto co impulso de infraestruturas de alto impacto na actividade económica, o corredor Atlántico, as estacións intermodais ou o desenvolvemento da Zona Franca de Vigo. Todas elas están contempladas nos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2021.

Tamén falaron do sector turístico, no que Pedro Sánchez incidiu no compromiso do Goberno de colaborar coa Xunta na celebración do Xacobeo e outras inciativas que permitar dar un pulo ao sector turístico.

Ademais, o presidente do Goberno reiterou o seu compromiso con Galicia, que afirma que está reflectido nos Presupostos Xerais do Estado, cunha suma que ascende aos 8.968 millóns de euros e unha inversión social que terá impacto directo no 40% da poboación galega.