CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez defende ante a militancia do PSOE o apoio de Bildu aos presupostos

Publicado o 19/11/2020 15:05

Unha semana despois de que se liberara o camiño á tramitación dos presupostos, e en pleno debate político polo apoio de EH-Bildu, o presidente do Goberno envíalles unha carta aos militantes socialistas en que explica que a situación actual obriga a buscar alianzas máis alá do goberno de coalición. Un acordo que "pretende estenderse canto sexa posible e que non exclúe a ninguén porque todos os apoios son precisos", di.

Sánchez critica que "a atención se desvía a asuntos do pasado, como a loita antiterrorista, que nada teñen que ver cos orzamentos", e lamenta que "os adversarios do Goberno progresista desvíen a atención cara a polémicas artificiais".

Pero o apoio de Bildu e o papel de Pablo Iglesias para impulsar ese acordo causan incomodidade nalgúns membros do Executivo. Nadia Calviño dixo que se sentiría máis cómoda co apoio do PP. E os Ministros de Industria e Xustiza cuestionan o protagonismo dos abertzales.

O PNV teme verse desprazado como socio preferente do Executivo, e pídelle a Sánchez un golpe de autoridade ante a actitude de Iglesias. 

"A actuación de Podemos está sendo sorprendente. Nós somos decanos dos gobernos de coalición... Se eu fose Pedro Sánchez pegaría un puñazo na mesa do Consello de Ministros, creo que así non se pode continuar", asegurou Andoni Ortuzar.

E máis alá das contas, hai malestar no Executivo polas críticas do vicepresidente a asuntos como a política exterior.

"Ás veces, algúns membros do Goberno esquecen que debemos gobernar para todos", manifestou Margarita Robles, ministra de Defensa.

Noticias web

19/11/2020