CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez anuncia o peche das actividades non esenciais desde o luns

Publicado o 28/03/2020 21:29

• O Consello de Ministros aproba mañá a medida que vai desde o luns ata o 9 de abril

• Os traballadores percibirán o seu salario e recuperarán as horas de xeito espaciado

 

 

O confinamento vaise modular cun paso máis para reducir o volume de mobilidade. Pedro Sánchez anunciaba as novas restriccións, que aprobará un Consello de Ministros extraordinario. O obxectivo é paralizar a actividade non esencial ata o xoves santo: "Traballadores de actividades non esenciais deberán quedar na casa nas próximas dúas semanas como fan durante a fin de semana. Para iso aprobaremos un permiso retribuido recuperable mañá no Consello de Ministros extraordinario, que se aplicará a todos os traballadores de todas as actividades non esenciais, de modo que non terán que desprazarse aos seus centros de traballo desde o luns 30 de marzo ata o xoves 9 de abril".

Pedro Sánchez volveu reclamar o auxilio e implicación da Unión Europea. Di que Estados como España non poden saír desta crise con máis débeda e apostou polos bonos de reconstrución, ata o de agora chamados "coronabonos", poara mutualizar unha parte da débeda comunitaria."Europa debe poñer en pé, se me permiten a expresión, unha sorte de economía de guerra e promover a resistencia e logo a reconstrucción e a recuperación europea. Ten que facelo canto antes con medidas que respalden o endebedamento público que estamos asumindo moitos estados membros", sinalou Sánchez.

O titular do executivo eludiu a pregunta sobre as responsabilidades arredor dos tests ineficaces e reiterou que en breve chegará material sanitario a España por importe de mais de 600 millóns de euros, xa pagados. Para Sánchez, os gobernos do mundo non eran concientes do que lles viña enriba: "Ningún tiña en mente a magnitude do desafío que tiñamos enfronte e, sen dúbida ningunha, a magnitude da cantidadede recursos que necesitabamos para facerlle fronte".

Sánchez apelou ao "sacrificio, a resistencia e a moral de victoria" e dixo que estas son semanas para elixir entre o cinismo ou o compromiso.

Noticias web

28/03/2020