CRTVG

Buscar

O xuíz pecha de novo a investigación do accidente de Angrois con dous imputados

Publicado o 22/09/2020 19:10

• Son o maquinista e o daquela xefe de seguridade ferroviaria de Adif

• As vítimas cualifican de "farsa" a investigación e piden a imputación do director de circulación de Renfe

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago pechou de novo a investigación do accidente do tren Alvia ocorrido o 24 de xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois.

O seu titular, Andrés Lago, mantén que a causa se siga contra o maquinista e contra o director de seguridade na circulación de Adif no momento da posta en funcionamento da liña, por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de 88 delitos de homicidio por imprudencia profesional grave e de 144 de lesións.

O instrutor acorda, no auto notificado este martes, que se dea traslado á Fiscalía e, no seu caso, ás acusacións particulares, para que en dez días formulen escrito de acusación "solicitando a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa", informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Pero apunta que "excepcionalmente" poderán solicitar a práctica de dilixencias complementarias que se consideren "imprescindibles" para formular a acusación.

É a terceira vez que este maxistrado (o segundo encargado de investigar a causa) dá por pechada a instrución.

A primeira, en outubro de 2015, co maquinista como único imputado. A segunda, en decembro de 2018, xa contaba, como agora, co exresponsable de seguridade de Adif como imputado, tras a liña que lle marcou a Audiencia Provincial da Coruña no momento en que ditou a reapertura do caso.

Causas das dúas imputacións

Así, o auto con que por terceira vez se dá peche á instrución do accidente do Alvia estima que "a causa directa, inmediata, e que decididamente desencadeou o desgraciado accidente que tivo lugar o pasado 24 de xullo de 2013 foi o exceso de velocidade derivado dunha condución neglixente".

Pero tamén establece que "non houbo unha avaliación integral de riscos previa á posta en funcionamento da liña".

Constata que "existía unha situación de risco consistente no posible descarrilamento en curva por exceso de velocidade" e que "o dito risco era evidente dada a redución significativa de velocidade que esixía a entrada na curva precedida dunha longa recta".

E engade que "o dito risco foi convenientemente detectado e comunicado a Adif por parte da UTE Lavos e Ineco, e ambos recoñecían a insuficiencia do subsistema fornecido (ASFA) para conxurar ou mitigar o mesmo".

"Adif tiña a obriga normativa e técnica de avaliar e xestionar o dito risco ata facelo tolerable desde a óptica das normas CENELEC" e "non cumpriu con este deber", afirma.

Pola súa banda, considera que "a responsabilidade" do exdirector de seguridade de Renfe "cínguese ao material rodante e á formación do maquinista" e "respecto diso non consta que incorrera en incumprimento normativo e/ou técnico ningún".

As vítimas ven "demostrado que a investigación oficial é unha farsa" ao seguir a causa contra un cargo de Adif

Vítimas do accidente ven no feito de que a causa siga contra un alto cargo de Adif unha "demostración" de que "a investigación oficial (a que realizou a CIAF e que determina que o maquinista foi o único responsable) é unha farsa".

Por iso, a plataforma de afectados demanda "que se repita" esa investigación, "tal e como pide Europa", e que "sexa independente", segundo destaca o seu portavoz, Jesús Domínguez.

Domínguez avanza, ademais, que a asociación recorrerá contra o peche para que a causa tamén se siga contra o exdirector de seguridade na circulación de Renfe, "porque tamén tiña que realizar a análise de risco" na liña do sinistro.

No auto do que supón o terceiro peche da instrución, o titular do xulgado acorda o sobresemento deste alto cargo da operadora a pesar de considerar "significativo" o cambio que supuxo a desconexión do sistema de máxima seguridade a bordo do tren.

Pola súa banda, Jesús Domínguez lamenta que a denuncia dun extraballador de Talgo (que asegura que a empresa ordenou a elminación de avarías do tren transcorridas poucas horas do descarrilamento) quedase "sen resolver".

"Non o dicimos nós, dío o perito", advirte, en referencia ao informe que entregou recentemente un enxeñeiro que considera que, polas declaracións que tomou o xuíz, non é posible determinar quen dixo a verdade sobre a suposta eliminación.

En calquera caso, esta peritaxe tamén indica que non hai constancia documental da eliminación de datos e que, de suceder, as hipotéticas avarías non terían relación causal co accidente.