CRTVG

Buscar

Pecha o derradeiro videoclub de Vilagarcía

Publicado o 29/01/2020 14:40

Carteis coma este vense cada vez en máis negocios, pero neste caso é se cabe algo máis triste porque marca a fin dunha era. O vídeoclub DVD Vilagarcía, aberto en 2004 e único na vila desde hai tres anos, desaparecerá en febreiro, antes ou despois segundo a velocidade en que esgoten existencias. Eva pon en orde os títulos de películas que lle van quedando desde que empezou a liquidar onte mesmo. Tiña case 5 mil e nun só día vendeu a metade.

A popularización das plataformas de vídeos baixo demanda acabou por ferir de morte este costume tan estendido desde os anos 80, sobre todo, para pasar mellor as fins de semana de inverno, ante os altos prezos das salas de cine. Aínda así quedan irredutibles que o van botar moito de menos.

Ao ritmo que vai, non vai ter moito problema para baleirar as estanterías. Mesmo ata vendeu o King Kong de ollada furibunda que nos sorprende á entrada.

Entre os plans de Eva están coller un mes sabático para pensar, pero, sobre todo, para xogar cos fillos e atender o pequeno que a agarda sen durmir ata que chega das xornadas maratonianas dun videoclub que ten xa as horas contadas, pero quedará formando parte da película vital de moitos.

Noticias web

29/01/2020