CRTVG

Buscar

Pan e doces desde o escaparate virtual ao domicilio de confinamento

Publicado o 10/04/2020 14:14

Os obradoiros de panadería e de pastelería están en actividade tamén neste tempo de confinamento e mesmo en día festivo. É o caso deste, situado en Pontevedra e distinguido como un dos mellores de España.

A raíz da declaración do estado de alarma tiveron que adaptarse como tantos en outros á nova situación e tamén explorar novas posibilidades para o negocio.

Daniel Pampín, propietario de Amásame Bakery Lab, fala dos cambios: "Un escaparate virtual desde onde poden escoller os encargos, por exemplo o que é produto de Pascua. E logo, o repartimento a domicilio con pedido mínimo, por suposto. Isto non o tiñamos implantado e tivemos que adaptarnos. Temos varias rutas e está a funcionar bastante ben".

O seu novo xeito de vender tamén levando o produto á casa complementa a venda presencial nun momento de afluencia irregular de clientes. E tamén para esta modalide é fundamental encargalo.

Di Pampín: "Para ter un pouco de previsión, para non ter mingua, para que a xente teña garantía de que vai ter o produto e non forme longas ringleiras e, sobre todo, para non facer vir a xente en balde, porque resulta fastidioso".

E cando vai de agasallos de padriños a afillados ou noutras relacións e por motivos diversos contan aquí que están a vivin entregas moi emocionantes. Sobre todo cando se trata dun pedido sorpresa, polo que conta o dono do obradoiro.

"Choca moito cando ves entrar alguén pola porta con quen non contas que che trae a Pascua do padriño que, ao mellor, tamén levas un mes sen ver. Encontrarte cun ovo de 40 centímetros de chocolate ou cunha rosca...pois, a verdade, topámonos con auténticos lagrimóns, emocionados. Fixeron que nos emocionaramos nós. É o que nos toca estes días".

Refírese Daniel tamén á etapa de confinamento que, polo que nos conta como vogal da asociaciación profesional de Pontevedra, está a ocasionar un descenso moi importante na facturación para a maioría de panadeiros.

Noticias web

10/04/2020