CRTVG

Buscar

O Executivo apela ao pacto e pide "arrimar o ombreiro"

Publicado o 14/04/2020 08:13

O Goberno ultima os detalles da mesa de negociación cos partidos políticos para alcanzar un gran pacto de reconstrucción económica, política e social. A pesar do escepticismo inicial á proposta de reeditar uns novos Pactos da Moncloa, onte o presidente do Partido Popular anunciaba que acudirá á reunión en canto Sánchez o chame.

De momento non hai data para esa mesa de negociación a que o Goberno ten previsto convocar partidos e axentes sociais. Nas últimas horas, o ministro Ábalos aseguraba que Sánchez non comezará a falar cos líderes das distintas forzas parlamentarias ata o xoves alegando que hoxe e mañá hai actividade no Congreso. E reiteraba o chamamento á unidade. "Como goberno xa non podemos esperar apoio sen ambaxes coma noutros países. O único patriotismo que existe é arrimar o ombreiro", dicía José Luis Ábalos, ministro de Transportes.

No Partido Popular, Pablo Casado reiteraba as acusacións contra Sánchez de falta de diálogo e mesmo de arrogancia, pero non pechaba de todo a porta á negociación. "É curioso ver pola tele que está apelando aos pactos e á colaboración coas forzas políticas e leva dez días sen chamar ao líder da oposición. Eu sempre atendín as chamadas do presidente", manifestou Casado.

Ciudadanos, que xa manifestou o apoio explícito a estes pactos para a reconstrucción, esíxelle ao Goberno máis diálogo e menos populismo.

En Vox reiteran que se desmarcan de calquera acordo con Sánchez. E que só aceptarían un pacto nacional cunha condición, en palabras do voceiro da formación Jorge Buxadé: a exclusión dos separatistas e do golpismo chavista.

Noticias web

14/04/2020