CRTVG

Buscar

Pachi Vázquez, absolto do delito de prevaricación

Publicado o 15/01/2021 17:40
Pachi Vázquez, absolto do delito de prevaricación

Pachi Vázquez, exsecretario xeral dos socialistas galegos, foi absolto do delito de prevaricación polo que foi acusado e xulgado a finais do ano pasado en Ourense.

A maxistrada do xulgado do penal 2, Susana Pazos, exonerou o político e outros catro edís que tiveron responsabilidades na corporación municipal do Carballiño, gobernada polo PSOE desde 1995 ata o 2011, considerando que non hai probas de que se vulnerasen os principios de igualdade, mérito e capacidade nos contratos de 60 traballadores.

A Fiscalía de Ourense solicitaba dez anos de inhabilitación para o exrexedor. Entendía que os contratos se fixeron a dedo, xa que a secretaria municipal certificara que non existían os expedientes dos contratos. A maxistrada considera que non hai probas de que se vulnera a legalidade.

Ademais de Pachi Vázquez quedan absoltos dos cargos Alfonso Prado e José Antonio Barge, exedís de Persoal; Carlos Alberto Montes, que sucedeu a Pachi vázquez na alcaldía, e María Elisa Domínguez, que foi edila de Asuntos Sociais e alcaldesa en funcións durante algunhas semanas.