CRTVG

Buscar

Pablo Iglesias asegura que a reforma laboral se derrogará de forma íntegra

Publicado o 21/05/2020 10:02

O vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e a Axenda 2030, Pablo Iglesias, asegurou este xoves que o que estaba "acordado" e "asinado" co PSOE, tanto no acordo de goberno como no dos tres grupos parlamentarios, implica a derrogación completa, e non parcial, da reforma laboral.

Así o remarcou en declaracións a Catalunya Ràdio, despois de que a patronal CEOE e Cepyme rexeitasen "con toda forza" o acordo alcanzado entre a coalición do PSOE e Unidas Podemos e EH Bildu sobre a reforma laboral, que consideran unha "irresponsabilidade capital" que "dinamita" o diálogo social.

"No acordo de Unidas Podemos co PSOE para a lexislatura, para a investidura e para o goberno de coalición, non se fala de derrogación parcial, fálase de derrogación da reforma laboral. Ese é un acordo de goberno de coalición. No pacto asinado onte, asinado polos xefes dos tres grupos parlamentarios, ese é o acordo ", sinalou.

"Pacta sunt servanda", insistiu Iglesias, empregando unha expresión latina para indicar que o pactado debe ser cumprido.

Noticias web

21/05/2020