CRTVG

Buscar

Oxfam denuncia que España non pagou o comprometido coa OMS para a covid-19

Publicado o 09/07/2020 07:58
Oxfam denuncia que España non pagou o comprometido coa OMS para a covid-19

Oxfam Intermón denuncia no seu informe publicado este xoves baixo o título O virus da fame que España desembolsou 97.161 dólares, "moi lonxe" dos 3,3 millóns cos que se comprometeu para responder ao chamamento humanitario de Nacións Unidas a fin de combater a COVID-19.

É unha das conclusións do informe, lanzado internacionalmente pola ONG, en que alerta de que a finais de ano a fame provocada pola covid-19 podería causar a morte de ata 12.000 persoas ao día, máis que a propia enfermidade. A taxa de mortalidade diaria no mundo alcanzou o seu pico en abril de 2020, con algo máis de 10.000 mortes diarias.

Segundo datos do Programa Mundial de Alimentos (PMA), que lembra Oxfam, 121 millóns de persoas máis poderían acabar ao bordo da fame a finais deste ano por causa do colapso económico e social ocasionado pola pandemia, debido ao "desemprego masivo, á alteración da produción e ás subministracións alimentarias ou á redución da axuda humanitaria".

O informe analiza os dez peores "puntos críticos da fame" do mundo, entre os que menciona Venezuela e Sudán do Sur, onde a crise alimentaria é grave e está a empeorar como consecuencia da pandemia.

Ademais, destaca a aparición de novos epicentros da fame en países de renda media, como a India, Suráfrica e O Brasil, en que millóns de persoas que xa antes tiñan dificultades para sobrevivir están agora nunha situación límite debido á pandemia.

A ONG sostén que España debe defender a ampliación da iniciativa de alivio de débeda para que pase de termos de suspensión a termos de condonación para o período 2020-2022.

Tamén suxire que o Goberno podería avanzar na posta en marcha dun programa de conversión de débeda bilateral en investimentos en saúde e resposta á covid-19 e mostrar así máis liderado internacional cunha iniciativa propia.