CRTVG

Buscar

Ourense estará este martes en alerta amarela por calor e A Coruña polo nordés

Publicado o 06/07/2020 20:17

O litoral galego vivirá este martes unha xornada de fortes ventos nas provincias da Coruña e Pontevedra, que coincidirá con outro día de alerta por altas temperaturas nas zonas do interior da comunidade. Pola súa banda, espéranse ventos do 'nordés' de forza 7 no litoral da Costa da Morte, que obrigarán a decretar a alerta de nivel amarelo a partir desta madrugada e ata as 09.00 horas. Tamén no noroeste da Coruña, especialmente entre Ferrol e Ortegal, que se estenderá ata as 18.00 horas.  

O aviso amarelo por altas temperaturas sitúase no interior das provincias do Sur, a partir das 15.00 horas. Así, poderíanse superar os 34 graos na zona do Miño en Pontevedra e os 36 na parte de Ourense e da comarca de Valdeorras.  

Luns de calor na conca do Miño

As sombras convértense estes días en lugares cobizados... E máis se están á beira dun río. Este luns superáronse os 34 graos nos concellos do Miño de Pontevedra e Ourense. E a tendencia semella que continúa. Este martes as mesmas zonas estarán en aviso amarelo dende as tres da tarde.

Xa o mércores, na mesma zona da provincia de Ourense, pasan a aviso laranxa, xa que se poden superar os 39 graos.

Noticias web

06/07/2020