CRTVG

Buscar

Otegi pídelle á militancia de Bildu que avale o seu si aos presupostos xerais do Estado

Publicado o 23/11/2020 14:54

Esta vai ser unha semana de negociacións intensas para sacar adiante os presupostos xerais do Estado.

O próximo xoves, a militancia de Bildu pronunciarase sobre os presupostos xerais do Estado, pero a cúpula do partido xa ten claro o seu voto. Arnaldo Otegi, coordinador xeral do partido, anunciou que súa proposta é que os seus deputados no Congreso "dean un voto si, un voto favorable".

As súas negociacións co Goberno central van por bo camiño, o propio presidente marcaba onte a estratexia ao afirmar que "as siglas que lle importan a este goberno son as siglas PXE, presupostos xerais do Estado".

Para o PP, o fin non xustifica os socios e cre que Sánchez escolleu os peores. Para Pablo Casado, o líder do executivo "está de acordo con esa liña de branqueamento de Bildu que empezou Zapatero e el seguiu con moito entusiasmo e por iso nós non estamos onde está el. Se el volvese á moderación, á centralidade, ao europeísmo, á sensatez, poderiamos pactar co señor Sánchez. Pero pono imposible".

O PSOE tamén ten que negociar co outro socio de Goberno, con Podemos, que presentou unha emenda con Esquerra e Bildu para parar os desafiuzamentos. Os socialistas agardan resolvelo  "como acto de goberno, sen necesidade de ningunha emenda", apuntou en conferncia de prensa José Luis Ábalos, secretario de Organización do partido.

Esta solución parece que non contenta a Esquerra. Nun chío, o seu deputado Gabriel Rufián advertílle a Iglesias que "o pactaron e ten que respectarse".

Noticias web

23/11/2020