CRTVG

Buscar

Óscar García, novo adestrador do Celta

Publicado o 04/11/2019 19:38

• Xogou e formouse no Barcelona como técnico e representa unha proposta ofensiva cunha experiencia limitada

Óscar García Junyent é o elixido. Ata tres veces lle dixo que non ao Celta. Esta vez parece que será diferente. Así o anuncia o Celta na súa conta de Twitter.

Óscar García representa unha proposta ofensiva cunha experiencia limitada. Gañou dúas ligas e dúas copas en Austria, a liga de Israel e adestrou na segunda división inglesa clasificando o Brighton para o play-off de ascenso, que finalmente non logrou. Levou a ligas menores o fútbol que aprendeu no Barcelona: "Gústame o futbol de ataque".

Non é casualidade, Óscar García coincidiu no Barcelona con Guardiola, Abelardo e Luis Enrique. Xogou ás ordes de Cruyff e de Van Gaal. Tamén pasou polo Valencia e o Español. Retirouse en 2005 e orientouse ó futbol de canteira: os xuvenís do Barcelona e a selección catalá sub -18.

En 2017 dirixiu ó Saint Etienne francés e dimitiu co equipo na sexta praza. O Celta será o seu primeiro equipo profesional en España.

Oscar García: "Non me gusta poñer presión sobre os xogadores". Presión vai haber, co Celta en descenso. Pero de entrada terá o regalo de debutar no Camp Nou.
 

Noticias web

04/11/2019