CRTVG

Buscar

España decreta corentena de 14 días a quen chegue do estranxeiro

Publicado o 12/05/2020 09:02

As persoas procedentes doutros países deberán someterse obrigatoriamente a unha corentena de 14 días á súa chegada a España a partir deste venres, 15 de maio, e mentres continúe o estado de alarma, segundo unha orde do Ministerio de Sanidade publicada polo Boletín Oficial do Estado.

A orde establece as condicións de corentena a que deberán someterse os viaxeiros internacionais e lembra que esta media se veu aplicando ás autorizacións excepcionais outorgadas para as repatriacións de españois e residentes en España procedentes de Italia.

Pero incide en que a "favorable evolución" da situación epidemiolóxica e o inicio da desescalada fan preciso reforzar as medidas de control, de acordo á distribución mundial do virus e conforme ao principio de precaución.

Á súa chegada a España, os viaxeiros estarán obrigados a gardar corentena durante 14 días no seu domicilio ou aloxamento e deberán limitar os seus desprazamentos á adquisición de alimentos e produtos farmacéuticos e de primeira necesidade; á asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios, e aos que obedezan a causas de forza maior.

Todos os desprazamentos se realizarán obrigatoriamente con máscara e deberán observar todas as medidas de hixiene e prevención da transmisión da enfermidade provocada polo  coronarivus, en especial no referente a contacto con quen se conviva.

As autoridades sanitarias poderán contactar coas persoas en corentena para realizar o seu seguimento, pero se teñen síntomas como febre, tose, dificultade respiratoria, malestar xeral ou outros de caso sospeitoso da COVID-19 deberán chamar aos servizos sanitarios e indicar que se atopan en corentena por proceder do estranxeiro.

O director do Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias explica que "mesmo se en España conseguimos eliminar a transmisión do virus no noso territorio vai haber aínda moitos países a nivel global nos que vai haber transmisión".

A apertura paulatina da mobilidade obriga a extremar as precaucións. Fernando Simón advirte que "os nosos riscos maiores, ademais do risco que pode haber con transmisións locais, será coa importación de casos".

Contolar os casos importados engade Simón, darlles lóxica ás normas de mobilidade. "Non tería sentido que un español non poida trasladarse á súa segunda residencia, en cambio unha persoa que viva no estranxeiro si que o poida facer vía aérea".

Destas medidas quedan exceptuados os traballadores transfronteirizos, transportistas e tripulacións, e mais os profesionais sanitarios que se dirixan a exercer a súa actividade laboral, sempre que non estivesen en contacto con persoas diagnosticadas de coronavirus.

As axencias de viaxe, os operadores de turismo e compañías de transporte deberán informar aos viaxeiros destas medidas ao comezo do proceso de venda dos billetes con destino no territorio español.

No caso de aeronaves, as compañías deberán facilitar un formulario de saúde pública para localizar os pasaxeiros (Passanger Location Card), que deberá ser entregado polo viaxeiro ao chegar a España.