CRTVG

Buscar

Os veciños deteñen un ladrón cando fuxía dunha tenda da Coruña

Publicado o 13/11/2020 14:57

Un veciño frustra a fuxida dun ladrón na praza das Conchiñas, na Coruña. O delincuente, que foi sorprendido cando tentaba baleirar a caixa dunha tenda, foi interceptado por un viandante.

A axuda cidadá deu ao traste coa fuxida dun ladrón que rematou sendo identificado pola Policía.

A dependenta levou o susto da súa vida. A primeira hora da tarde, antes de abrir os comercios e cando a rúa está prácticamente baleira, entornou a porta da tenda e baixou, aínda que sen cerrala, a reixa para saír a botar o lixo a uns colectores próximos.

Ao regresar, notou que a porta estaba máis aberta, o que xa lle fixo sospeitar, pero pensou que sería unha clienta que malia ver a porta medio pechada entrara, ansiosa, a botar un ollo á roupa.

Ao entrar, sorprendeu no interior, tras o mostrador e tentando forzar a caixa, un home. Chegou a agarralo, sen parar a pensar que podería estar armado e mantivo un forcexo con el, pero o delincuente conseguíu liscar á carreira, tirando o que ata o momento era o total do seu botín, 20 euros.

A muller asegura que o asaltante non tratou de agredila e saíu á rúa detrás del e comezou a pedir axuda. Un cidadán que pasaba pola zona empurrou o fuxitivo e botouno no chan, onde o retivo, con axuda doutras persoa ata a chegada da Policía.

Ao lugar desprazáronse membros da Policía Local e tamén axentes da Policía Nacional, que escoitaron o relato da vítima e identificaron o individuo.

Pasados uns minutos, a propia comerciante confirmou que finalmente o ladrón non conseguira levar nada do seu establecemento. Veciños da contorna indicaron tamén que, con anterioridade, o mesmo asaltante tentara entrar noutro establecemento, en concreto un bar da zona que se atopa cerrado polas restricións da covid-19.

Noticias web

13/11/2020