CRTVG

Buscar

Os veciños de Navia de Suarna ven en primicia 'O que arde'

Publicado o 30/09/2019 10:45

Con expectación, os veciños de Navia de Suarna xa se concentraban na praza do Concello unha hora antes para asistir ao preestreo de O que arde, gravada en distintos escenarios da vila. Os veciños, varios deles con papeis na película, amosan a súa satisfacción polo feito de que a súa vila saia na pantalla grande.

A película, premiada en varios festivais de cine, supón unha proxección da vila a nivel internacional.

De momento, Navia de Suarna é unha vila privilexiada porque pode ver ver a película doce días antes de que o faga o resto de España.

Oliver Laxe conta en imaxes un mundo que arde e que desaparece

Este incendio é real e sucede en Galicia. Correu risco o home detrás da cámara e o celuloide, que case se derrete. O que arde levou o premio do xurado de Cannes, e tamén foi premiado en San Sebastián. Ademais da Palma e da Cuncha, moitas palabras de loa para a película, os actores e, sobre todo, o director.

"Tanto a estutura propia da película como a forma en que se desenvolve, como a argumentación, como todos os temas que vai suxerindo sobre cada un dos personaxes, sobre ese mundo que vai desaparecendo, fan dela unha película moi suxestiva, se se quere moi profunda e moi redonda", di Luis Martínez do xornal 'El Mundo'.

"Conta moi ben o que é Galicia e o que é ese gran problema que tedes cos incendios", asegura Kristina Zorita.

O que arde é a historia, de factura documental, dun pirómano que sae do cárcere para regresar á casa da nai, nese rural galego dos Ancares que se extingue, como se extinguirá cada home e muller da terra. Os actores protagonistas non son profesionais. 

"Eu quería que me pedisen máis. Non me pediron nada practicamente. Fun moi feliz", conta Benedicta Sánchez, actriz.

"Transmite moi ben, traballa horas e horas e nunca se altera, sempre a mesma voz tranquila, sen apurar. E el sabe o que quere", asegura Amador Arias, actor.

"Eu penso que a sensibilidade coa que se fixo paréceme moi galega. Hai algo bruto, animal, hai algo túzaro. E despois hai moita dozura, hai moita harmonía, moita sabedoría, hai ambigüidade da positiva", explica Oliver Laxe, director de O que arde.

Olivier Laxe conta en imaxes un mundo que arde e que desaparece.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019