CRTVG

Buscar

Os veciños alertan da alta sinistralidade na estrada de Paderne

Publicado o 14/10/2020 15:31

Esta fin de semana rexistrábase un accidente grave na parroquia de Quintas, en Paderne, e din os veciños que é o último dunha longa lista de sinistros. Din que a súa parroquia é un punto negro na estrada que vai de Betanzos a Irixoa, e que levan anos padecendo, cando menos, sustos co tráfico practicamente a diario. 

Os veciños da parroquia de Quintas en Paderne din que viven nun punto negro na estrada que vai de Betanzos a Irixoa. Afirman que padecen sustos co tráfico practicamente a diario, e relatan o último accidente que se rexistrou aquí, o pasado día 10, cun ferido grave: "Moi grave. Tiroume o muro, o coche bateu aquí, o motor quedou aí, e despois o coche cruzou ao outro lado da estrada", di José Antonio Medín, que afirma que é a terceira vez que repara o muro da casa por accidentes coma este.

"Aquí xa houbo varios accidentes, neste treito varios, e máis arriba igual", di outro veciño. "Moitos, non se contan os que houbo", confirma unha veciña.

Hai pouco máis dun quilómetro entre o lugar de Sanín e os da Costa e Vistalegre, e todos concordan en que é un treito de alta sinistralidade. Hai curvas e pode ser especialmente perigoso se chove, pero cren que o problema fundamental é a velocidade.

"Penso que é por exceso de velocidade, ou que pasan picados uns cos outros". Outro veciño comenta que aquí, "se poñen o radar, fan cartos". 

Contra a casa de Xosé bateron tantas veces que tivo que reforzar o valo diante da fachada e, á vista das pegadas, seguen petando contra el. Di que mesmo chegou a levar un calendario de sinistros, pero que xa perdeu a conta.

"Eu teño fins de semana de venres, sábado e domingo, é unha agonía. E cansa, porque cando chove xa estás pensando quen será o próximo. Vou farto de varrer a estrada".

Non hai beirarrúas, así que se queixan de que tampouco é seguro circular camiñando por aquí. Din estar fartos desta situación, e piden medidas que axuden a controlala.

Noticias web

14/10/2020