CRTVG

Buscar

Os usuarios pregúntanse como reclamar o pagamento das portaxes a Audasa

Publicado o 25/02/2020 15:12

Din que isto foi David contra Goliat. E o pequeno confiaba na vitoria sobre o xigante. "Esperabamos gañar".

E gañaron. Mónica foi dos primeiros afectados en demandar. "Non era só atopar un atasco, era a incerteza de non saber se ías atopar un atasco ou non, se non ías chegar aos sitios".

"Se eu estou atascado durante unha hora, non ten sentido ningún que me estean cobrando porque non me están dando o servizo de autoestrada".

Houbo centos de demandantes. E agora chegou a sentenza que condena a Audasa a devolver as "peaxes abusivas" cobradas durante as obras de Rande. Neste despacho xestionan as reclamacións da plataforma de afectados.

"Hai que esperar a que a sentenza sexa firme, hai que esperar 20 días".

E entón, se Audasa non recorre, ábrese o prazo para que os afectados poidan reclamar o seu dereito. Primeiro, hai que demostrar que un é un usuario particular.

"E, ademais, acreditar os pagos e as datas do pase pola autoestrada de peaxe. E entón cotéxase se o paso coincide ou non"."

Ver se o paso coincidiu cos 81 atascos recoñecidos nesta sentenza que, cando sexa firme, pode sentar un histórico precedente.

"Está moi ben que os obriguenb a que cada vez que haxa un atasco teñan que levantar as barreiras".

Animan a todos os particulares afectados a poñerse en contacto coa plataforma E-Colectivo para reclamar eses cartos.



 

Noticias web

25/02/2020