CRTVG

Buscar

Os tres ex-conselleiros cataláns fuxidos din que se entregarán á xustiza en canto os citen

Publicado o 06/11/2019 09:52

O Tribunal Supremo reactivou as euroordes contra os ex-conselleiros cataláns fuxidos a Bélxica e Escocia. Toni Comín, Lluís Puig e Clara Ponsatí xa anunciaron que se presentarán ante a xustiza en cantos os citen. Aquí en España, o Tribunal Constitucional volveu advertir ao presidente do Parlamento catalán, Roger Torrent, para que paralice a resolución a favor da autodeterminación de Cataluña. 

Seguindo a tese da Fiscalía, tras a sentenza do procés, o xuíz Pablo Llarena reactiva as euroordes contra os tres ex-conselleiros que fuxiran de España en outubro de 2017 canda Carles Puigdemont. A Fiscalía belga xa confirmou que as recibiu e o avogado Gonzalo Boye asegurou que, pendentes da tradución, os tres se presentarán voluntariamente ante a policía en canto os citen, previsiblemente mañá.

Llarena pide a entrega de Toni Comín por sedición e malversación e de Lluís Puig por malversación e desobediencia. A Clara Ponastí só a solicita por sedición. As autoridades belgas e escocesas son as que terán que estudar se os entregan a España ou non. Igual ca sucedera con Puigdemont hai dúas semanas, tras declarar ante a Fiscalía, serán previsiblemente postos en liberdade con medidas cautelares.

Mentres nas últimas horas, aquí en España, o Tribunal Constitucional suspendía parte das últimas resolucións do Parlament catalán que insisten na autodeterminación e volvía advertir ao presidente da Cámara, Roger Torrent, e á Mesa de que poden incorrer en responsabilidades penais se levan a cabo iniciativas de cara á independencia. Torrent respondía a este novo aviso. "No Parlament de Cataluña ten que poder falarse de todo, non pode censurarse ningún debate. O que se quere facer é limitar a liberdade de expresión", dixo o presidente do Parlament.

Torrent asegurou ademais que, se os grupos que impulsaron a proposta de resolución impugnada o piden, Junts per Catalunya, Esquerra e a CUP, o texto será debatido en pleno. O Constitucional de momento non accedeu á petición do Goberno de pór en mans da Fiscalía estes acordos do Lexislativo catalán.

Ademais, onte o BOE publicaba o real decreto aprobado o venres polo Goberno para prohibir que as administracións públicas teñan servidores fóra da Unión Europea co obxectivo de pór fin ao proxecto de república dixital da Generalitat. Ese decreto autoriza o Goberno, a través do Ministerio de Economía, a intervir e asumir a xestión directa de redes e servizos de comunicacións electrónicas, con carácter excepcional e transitorio, en supostos de que poidan afecta a orde pública, a seguridade pública e a seguridade nacional. A norma non fai mención expresa a Cataluña, pero na exposición dos motivos fala dos "recentes e graves acontecementos acaecidos en parte do territorio español". A Generalitat xa cualificou este decreto de 155 dixital.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/11/2019