CRTVG

Buscar

Os trens turísticos acaban a temporada en Ourense

Publicado o 26/10/2019 20:46

Pouco antes das nove deste sábado a estación de Santiago de Compostela asistía á ultima viaxe da temporada dos trens turísticos, o programa que organizan Renfe e Turismo de Galicia para achegarnos a cultura e o patrimonio galegos mediante o uso dos camiños de ferro. A case trintena de afortunados viaxeiros irán gozar da ruta Ourense Termal e Versalles Galego, como se coñece o Pazo de Oca.

"Gústame todo: o tren, o que é a paisaxe... Teño gañas de ir a Ourense e ver as Termas", comenta a pasaxeira Lúisa Cores. Pola súa banda,  José Luis Cancela conta:  "Fixemos unha viaxe hai quince días con un matrimonio pola Costa da Morte, e dixéronnos sobre esta viaxe, e tan pronto como nolo dixeron xa fomos a sacar o billete"; Mentres María Jesús Díaz di que "o pazo de oca, sobre todo en outubro e con este outono tan precioso que temos hoxe pois vai ser unha preciosidade. Despois a viaxe a Ourense pode ser moi bonita".

A primeira parada non tarda en chegar. O Pazo de Oca, no concello pontevedrés da Estrada xa está aberto para os visitantes, que se atopan de súpeto coa historia e retornan no tempo ata o século XV.


Pero o que realmente deixa abraiados os visitantes é a beleza dos xardíns, inspirados na tradición paisaxística francesa do século XVIII, de aí o sobrenome de Versalles Galego.  "De momento pois desfrutando del, moi agradable o paseo", apunta Manuel Álvarez. Como él Mari Carmen Valiño sentencia: "É que gústame todo, e a forma en que están estes xardíns, tan ben deseñados, tan curiosos, encántanme".

O programa de trens turísticos pecha esta temporada con 57 viaxes a través de 12 rutas culturais que utilizaron uns 2.300 turistas. Para o ano os organizadores esperan máis retos e mellores. Mentres, xa, en Ourense, os últimos viaxeiros gozarán das termas de Outariz e da hospitalidade local. E seguro que repiten.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/10/2019