CRTVG

Buscar

Os transportistas do carbón da central das Pontes inician unha marcha a pé á Coruña

Publicado o 10/12/2019 11:10

Unhas 150 persoas completaron este martes a primeira das etapas da marcha a pé desde As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) ata a cidade herculina para reclamar unha transición ecolóxica xusta e que non se peche de inmediato a central térmica que Endesa ten neste municipio.

A protesta arrancou sobre as 10,00 horas desde o Concello pontés rumbo á Coruña e todos os participantes, ataviados cos seus respectivos chalecos amarelos, formaron unha fila para percorrer o caso urbano acompañados por axentes da Garda Civil de Tráfico. Os participantes chegaron sobre as 14,15 horas á Capela, onde foron recibidos polo seu rexedor, o socialista Manuel Meizoso, quen lles mostrou o seu apoio e solidariedade na reivindicación que están levado a cabo, ademais de ofrecer un pequeno ágape.

Aínda que gran parte dos participantes na protesta son transportistas, tamén hai cidadáns sen vinculación con Endesa que apoian os traballadores que se verían afectados co peche da térmica. Este martes, despois de finalizar a primeira etapa, este colectivo regresou en autobús cara As Pontes.

Xa o mércores, serán recollidos na estación de autobuses da localidade da comarca de Ferrolterra, ás 9,30 horas, e levados ata A Capela, para completar a segunda etapa a pé ata Miño. Pola súa banda, na terceira xornada, os participantes na protesta teñen previsto percorrer a pé o tramo entre Miño e Bergondo, de forma que deixarán para o último día, o venres, o traxecto entre Bergondo e a cidade da Coruña.

Unha vez na cidade herculina, os participantes prevén concentrarse ante o Viceconsulado de Italia e secundar a protesta convocada polo grupo de crise, do que forman parte partidos políticos, sindicatos, comité de empresa de Endesa, transportistas, comerciantes e empresarios das Pontes.

O presidente da asociación que agrupa os transportistas do carbón da central térmica das Pontes, Manuel Bouza, recoñeceu que os afectados por un hipotético peche da planta de Endesa teñen hoxe "máis esperanza ca antonte" en relación co futuro da factoría e do seu actual medio de vida.

Bouza valorou positivamente as noticias que chegaron onte desde Madrid, tras a reunión que se produciu no Ministerio de Transición Ecolóxica, un encontro do que saíu o compromiso de volver avaliar as posibilidades de manter activa a fábrica mediante a queima de biocarburantes.

"Agora temos a esperanza de que a fábrica se poña a funcionar", dixo Manuel Bouza, que, en todo caso, quixo deixar claro que os transportistas manterán as mobilizacións previstas ata que realmente eses compromisos tomen forma.

"Imos seguir facendo as nosas cousas" para demandar o mantemento da actividade e dos postos de traballo, precisou, ata que "de verdade a fábrica se poña de novo en marcha".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Máis sobre as pontes de garcía rodríguez