CRTVG

Buscar

Os traballadores rematan o peche na Delegación do Goberno

Publicado o 18/06/2019 23:09

Os doce integrantes do comité de empresa de Alcoa na Coruña deron por finalizado esta noite o peche que comezaron esta mañá na Delegación do Goberno en Galicia ao ver satisfeitas as súas demandas. Fontes da Delegación do Goberno informan de que a saída dos traballadores, ao redor das 21:50 horas, desenvolveuse voluntariamente e con normalidade.

Ao longo do día ofrecéuselles reunirse co delegado do Goberno, Javier Losada, para trasladarlle as súas demandas, oferta que declinaron. Así mesmo, comunicóuselles os acordos alcanzados co fondo suízo Parter Capital para lograr o obxectivo común expresado desde o inicio de manter o emprego e a actividade industrial de Alcoa na Coruña e Avilés, sempre desde o diálogo e a colaboración da Delegación do Goberno, engaden as fontes.

"Desexamos levantar o peche e ir con tranquilidade a Madrid para defender a mellor opción posible para a supervivencia da fábrica", explicou Juan Carlos López Corbacho, mentres esperaba unha resposta positiva ás súas esixencias. Segundo indicou, o xoves ás catro da tarde celebrarase a mesa estatal, onde estarán representados os Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, as administracións autonómicas, Alcoa, Parter e os representantes dos traballadores.

Outra das esixencias do comité coruñés era non asinar nada que non estivese no acordo do ERE ata que o Goberno garanta e avale o proxecto industrial de Parter e dea garantías de emprego, ao investimento e un prezo regulado para a electricidade.

"Se hai algo que asinar, o xoves nesta mesa estatal que todo o mundo firme o que haxa que asinar, mesmo nós", dixo.

O presidente do comité de empresa na Coruña reclama tamén que se lles traslade que "non vai haber máis esixencias e que o xoves asinemos todos o que haxa que asinar".


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019