CRTVG

Buscar

Os traballadores de Povisa piden explicacións ante a posible venda do hospital

Publicado o 30/09/2019 14:21

Os traballadores de Povisa piden explicacións ante a posible venda deste hospital privado. A noticia sobre un acordo inminente entre o actual propietario do centro e o grupo sanitario Ribera Salud colleunos por sorpresa.

Desde a dirección aseguran que, de momento, non hai nada pechado. A dirección de Povisa mantén que non hai acordo pero recoñece conversas co grupo sanitario Ribera Salud, cun accionariado que pertence maioritariamente ao xigante de seguros norteamericano Centene Corporation.

Povisa, con 1.500 traballadores, é a segunda empresa con máis cadro de persoal de Vigo. Sorprendidos pola posible operación de venda, o comité de empresa solicitou unha xuntanza coa dirección do centro para saber en qué se está traballando.

Povisa solicitara un preconcurso de acredores hai un ano, en que as perdas económicas chegaran aos cinco millóns e medio de euros.

O centro vigués ten un acordo coa Consellería de Sanidade e atende 135.000 cartillas de Vigo, Val Miñor e O Morrazo. A Xunta esixe o mantemento do emprego e da calidade asistencial aos pacientes e di que velará porque se cumpra con este concerto, vixente ata 2022.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019