CRTVG

Buscar

Os traballadores de Povisa cualifican de "parche" un posible acordo co Sergas

Publicado o 13/11/2018 12:23
Os traballadores de Povisa cualifican de "parche" un posible acordo co Sergas

Traballadores de Povisa concentráronse esta mañá ás portas do hospital, ao berro de "Povisa culpable, Sergas responsable", reclamando un acordo "xusto" entre empresa e Sergas e non un "parche" ao que pretenden chegar ambas as partes, segundo asegurou a presidenta do Comité de Empresa, María Xesús Neira.

Os sindicatos están convencidos de que os acordos aos que están a chegar Povisa e Sergas só beneficiarían á empresa e en ningún momento aos traballadores que, en ningún caso, "verían melloradas as súas condicións laborais". "Non hai grandes avances e os que hai, só favorecen a Povisa e non aos traballadores", insistiu Neira.

Os sindicatos criticaron que as negociacións non contemplan, en ningún momento, subidas salariais para os traballadores nin a contratación de máis persoal.

"Fan falta máis traballadores para atender as 139.000 cartillas do Sergas", lembraron.

A presidenta do Comité de Empresa anunciou máis mobilizacións para os próximos días e asegurou que seguirán ata que se chegue a un acordo "xusto" para todas as partes.

"Estamos convencidos que de que haberá acordo antes de que acabe o ano xa que nos lles convén que entren en concurso de acredores", finalizou Neira.

Noticias web

13/11/2018