CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alu Ibérica esíxenlle o Goberno que interveña a empresa

Publicado o 06/06/2020 15:27

Protesta tamén este sábado dos traballadores de Alu Ibérica, as antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. Durante a súa concentración reclamaron unha intervención do Goberno que garanta o seu futuro. Foi na praza de María Pita, na Coruña.

O verán pasado Alcoa traspasou as fábricas da Coruña e Avilés ao fondo de investimento Parter, co compromiso de asegurar o emprego durante un prazo mínimo de dous anos. En abril, transcendeu que o grupo Riesgo mercara a actual Alu Ibérica, unha operación irregular, segundo os empregados, que agora está baixo a lupa do Goberno. Convocouse para o xoves a Mesa Técnica Industrial. Os traballadores esíxenlle ao Ministerio de Industria que interveña a empresa.

Na Coruña hai 320 traballadores pendentes desa reunión. Recoñecen que a situación é crítica e piden unidade de acción dos gobernos central e autonómico.

Concentráronse na praza de María Pita. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e representantes do Partido Popular, En Marea, Anova e o BNG apoiaron a mobilización.

 

Noticias web

06/06/2020